20 de febreiro de 2024

Así están as pólas en Edinburgh

 


Así están as pólas en Edinburgh, así a forza resistente e ascendente querendo agromar.

18 de febreiro de 2024

O teu futuro

 


O teu futuro, o meu, non están escritos. Lewandowski decidiu facer unha paradiña en Balaídos. Decidiuno el. Que decides ti?

26 de marzo de 2022

Merece

Merece ser descrita a percepción dunha gota de auga nunha fraga transfronteiriza.

4 de outubro de 2020

Un día

Un día de ceo tranquilo despois dun de choiva a mares é unha das grandes sensacións a gozar na vida. 

26 de setembro de 2020

Unha persoa

Unha persoa independente xoga ao meu carón. Está a facer cousas similares ás que facía eu en 1983; e vai falar galego (entre outros).

18 de decembro de 2017

My electoral campaign: ditch fear


My electoral campaign: ditch fear.
Crumbs no longer feed us,
now we want the whole leaf of bread.
We have a future, we remember
We have fire in our hands to weave story
Our hands show a long way
Living means taking sides.
We don't want smoke, we don't want shortcuts.
We are not here to fly flags.
We count on you, you can't let us down.
A day "one" to start again.
Seafarers, river people, mountain people.
We will have it all and we will talk about life.
We are going far, there will be plenty of us.
Pushing forward. Who sows rebellion, reaps freedom.
Do no let the fear win.
Tomorrow is ours today.
You and I, taking the horizon.

17 de outubro de 2017

Lume



Está lonxe a terra que arde. Pero non vou quedar sen palabras.

Claro que se pode xestionar mellor o monte. E claro que unha mellor política forestal podía ter evitado as catro mortes humanas destes últimos días. E seguro evitaría parte do empobrecemento ecolóxico que sofre Galicia. Pero para actuar mellor precisamos un Goberno que queira identificar, recoñecer e comunicar os feitos. As verdades.

E non. A historia dos gobernos de Galicia e de España desde 1978 é unha sucesión de mentiras.

OTAN, de entrada non.
Iraq ten armas de destrución masiva.
Non se pode falar de marea negra.
Son casos aillados de corrupción.
Apoiarei o Estatuto que aproben os cidadáns de Cataluña.
España entrou na Champions League da economía mundial.
Non fallaron os sistemas de seguridade.
A Policía e a Garda Civil actuaron con proporcionalidade.
Non houbo referendo.
Os lumes son culpa de terroristas incendiarios.

Con todo, as mentiras non se sosteñen se hai suficientes cidadáns procurando as verdades. A maioría dos cataláns xa dixeron prou ao Estado de Mentira. A andamiaxe construida chafalleiramente sobre fosas comúns franquistas esborállase no seu extremo oriental.

Ábrense incógnitas en Galicia e en España. Ou non? Algúns galegos imos perseverar na procura das verdades. Aínda que chova. Aínda que queime.

6 de novembro de 2016

Medios e educación, dobre vía



Alén de territorios concretos, cómo enriquecer o mundo dende todos os recunchos. Dúas vías sobrevoan en círculos como paxaros transparentes: medios de comunicación e subsistemas educativos. Mellores, que favorezan a diversidade e a integración respectuosa e desexada.

Medios. Nas nosas mans, economicamente solventes. Aprendido en Catalunya, suxerido por Mònica Terribas recentemente: creación dun universo referencial propio, que se insira no global mais que plasme a nosa óptica. O humor aí ten forza absoluta. Esencial: que falemos do que nos queremos, non do que queren eles. Máis importante que a opinión suxerida é a selección de temas sobre os que discutimos.

Educación. Moito que facer. Todos os grans de area, todas as formigas contribúen. De 0 a 99 anos. E o que veña. Educación en intelixencias múltiples, educación en valores democráticos e en xustiza social. Educación en dereitos humanos. E practicalo. Traballo titánico de cada persoa.

Os esforzos nesas dúas direccións poden ser frustrantes ás veces, supoño, mais non vexo outra solución para acabar cos Rajoys e Trumps e Mays e LePens e ManuelValls e Cospedales. E imos necesitar esforzo tectónico e tempo estrutural. E moita cultura cooperativa, intúo. E mentres, cada un vivir a súa vida, tamén. Find the balance. Case nada.

Son reflexións, non receitas, non encargos, non leccións. Alguén concorda?

13 de setembro de 2016

Sede de escribir



23 de xaneiro de 2014.

14 de decembro de 2014.

23 de marzo de 2015.

13 de setembro de 2016.

A sede de escribir rebordou os reloxos axustados, británicos pero sobre todo desexados. E a Forza 3 adianta polo carril do medio para atopar o seu burato, no que remollarse e saír con algas nas orellas e crema de sol de outono chuvioso nos brazos.

Cos meus novos superpoderes e lendo a Manuel Rivas, isto era totalmente inevitábel. Non podo reter a paixón por desmoldalo todo. Ter morriña do futuro. Mentres haxa Davides de Manzaneda haberá ouriceiras.

23 de marzo de 2015

Diferente

Diferente, por riba das expectativas.

As letras de Joan Miquel Oliver non se entenden.

Aterrizaxe en Marte con fochancas e pozas. Sorprendentemente, osíxeno de sobra. E auga!

14 de decembro de 2014

Descarga


Descarga, canaliza, libera, queima, respira, molla, reacciona, pisa, ergue, sacha, chuza, rabea e sorrí.

[Foto: digboston (cc)]

23 de xaneiro de 2014

Boicot a Coca-Cola


Dous mil catorce
espreguízase
a modo
na ouriceira.

Quere ser optimista
pero para iso
ten que bloquear
todas as páxinas dos xornais.

Se se aílla, entón,
non sofre, non escoita
o contexto socioeconómico.

Mais non pode evitar o eco daquela canción
que soaba na escola,
eu quero ter un millón de amigos
e así máis forte poder cantar.

Coca-Cola despide
setecentas cincuenta traballadoras.

Xa atopaches o teu nome entre as latas?

28 de novembro de 2013

Paulova. Sen acritude. É unha proposta.



[Texto publicado orixinalmente en Madrid Mon Amour, o blog sobre Madrid de Praza Pública]

Ao mellor para unha entendida en arte non é o máis novidoso do mundo. Pero para un “iletrado” coma min foi todo un descubrimento: un encontro artístico no que as diferentes creadoras non se reparten por stands efímeros de grandes pavillóns, se non por cuartos dun hotel céntrico de Madrid. Digo “encontro artístico” porque o continente cambiou ao contido: o horríbel concepto “Ferias y Exposiciones” non tiña moita cabida no Room Art Fair (#RAF3). Entrar ás diferentes estancias do Hotel Praktik Metropol era probar distintas atmósferas, micro-planetas artísticos, se me permitides o presuntuoso da expresión.

Ao fondo do corredor da planta terceira, cuarto 316, estaba Paulova. Impoñendo a súa figura nunha sala que debería ser máis grande, presentaba ilusionada e profesional unha e outra vez as súas obras. Orixe, significado, evolución. Bucólicas paisaxes antigas con invasións alieníxenas e tanxíbeis ameazas nucleares. Non-punto de cruz e píxeles involuntarios. Os cadros de Paulova deben de provocar sensacións moi dispares. Este domingo eu sentía nostalxia do futuro. Paula pintou paisaxes que nós non veremos. Son os nosos bisnetos os que as botarán de menos, nenos cuxas nais a duras penas lembrarán o tempo dos coches propulsados a petróleo. Existe a posibilidade de que os tapices da pos-guerra e o “desarrollismo” non sexan máis que unha burbulla de finais do século XX e os violentos anos 10. E que nun prato voante estea a regresar a ética, de volta de Ítaca.

Ao fondo do fondo as árbores deixan caer os cadriños amarelos e castaños do outono analóxico.

Xa. Que estas liñas non teñen pés nin cabeza. Pois observa ti as obras de Paulova e rebátemo. Sen acritude. É unha proposta.





3 de outubro de 2013

Nano-crítica: "1984"

19841984 by George Orwell
My rating: 5 of 5 stars

Demasiado bo, demasiado duro

Comprobo que este libro está, como mínimo, á altura da súa fama. Iso si, a partir de certo punto só quería rematalo para deixar de sufrir.

View all my reviews

Construír



Cada día é máis evidente que non podemos perder todas as nosas enerxías contestando. Contestar, por exemplo, a quen di que en Catalunya se obriga a falar catalán. Ou contestar a quen di que os recortes dos servizos públicos "son para sentar as bases da recuperación". Se pretendemos responder á cantidade esmagadora de mentiras que producen algúns medios e persoas a diario só podemos conseguir esgotarnos, e seguirá gañando a mentira.

- Cal é a solución, entón?

- Construír.

Si, xa sei que non descubro nada a todas aquelas persoas que levan anos en todo tipo de cooperativas, medios, organizacións políticas líquidas e sólidas que precisamente fan iso: construír. É só unha reflexión en alto: poñamos case todo o noso esforzo en construír. O que poidamos. E o cacho de esforzo sobrante invirtámolo en non deixarnos arrastrar ao ritmo que marca o calendario de burradas do poder roubón e os seus profetas.

Con dicir que o seu vehículo é unha estafa non é suficiente. "Hai que paralos", si, pero só podemos paralos se nós construimos un vehículo mellor.

[Foto: Wikipedia (cc)]

20 de setembro de 2013

Un senegalés en Lavapiés


[Este artigo publicouse orixinalmente en Madrid Mon Amour, o blog sobre Madrid de Praza Pública]

Un dos praceres dos que se pode gozar en Madrid, como en calquera cidade “grande” (introduza vostede aquí o límite inferior de poboación que desexe), é a interminábel variedade de comidas posíbeis.

Hoxe probamos un restaurante senegalés, de nome Baye Fall. Atopámolo na Calle Mesón de Paredes, 55, no barrio de Lavapiés. É un lugar máis ben pequeno pero con certa sensación de amplitude. O meu prato: arroz con vitela (ternera) en salsa de cacahuete. Bo-í-si-mo.

O prato totalmente tapizado de arroz até os bordes. É dicir: cantidade máis que suficiente. E todos os pratos ofrécennolos ao módico prezo de 6 euros. A caña a 2€. Nada mal, ¿non?

Os senegaleses, as senegalesas, altos e altas, guapas e guapos. Claro. ¡Que xenética!

Iso si, se vos achegades durante a fin de semana, non vaiades máis tarde das 2 e pouco, que despois énchese rápido o local.

Até a próxima conexión, que agardamos que sexa pronto!

[Foto: Wikipedia]