28 de novembro de 2013

Paulova. Sen acritude. É unha proposta.



[Texto publicado orixinalmente en Madrid Mon Amour, o blog sobre Madrid de Praza Pública]

Ao mellor para unha entendida en arte non é o máis novidoso do mundo. Pero para un “iletrado” coma min foi todo un descubrimento: un encontro artístico no que as diferentes creadoras non se reparten por stands efímeros de grandes pavillóns, se non por cuartos dun hotel céntrico de Madrid. Digo “encontro artístico” porque o continente cambiou ao contido: o horríbel concepto “Ferias y Exposiciones” non tiña moita cabida no Room Art Fair (#RAF3). Entrar ás diferentes estancias do Hotel Praktik Metropol era probar distintas atmósferas, micro-planetas artísticos, se me permitides o presuntuoso da expresión.

Ao fondo do corredor da planta terceira, cuarto 316, estaba Paulova. Impoñendo a súa figura nunha sala que debería ser máis grande, presentaba ilusionada e profesional unha e outra vez as súas obras. Orixe, significado, evolución. Bucólicas paisaxes antigas con invasións alieníxenas e tanxíbeis ameazas nucleares. Non-punto de cruz e píxeles involuntarios. Os cadros de Paulova deben de provocar sensacións moi dispares. Este domingo eu sentía nostalxia do futuro. Paula pintou paisaxes que nós non veremos. Son os nosos bisnetos os que as botarán de menos, nenos cuxas nais a duras penas lembrarán o tempo dos coches propulsados a petróleo. Existe a posibilidade de que os tapices da pos-guerra e o “desarrollismo” non sexan máis que unha burbulla de finais do século XX e os violentos anos 10. E que nun prato voante estea a regresar a ética, de volta de Ítaca.

Ao fondo do fondo as árbores deixan caer os cadriños amarelos e castaños do outono analóxico.

Xa. Que estas liñas non teñen pés nin cabeza. Pois observa ti as obras de Paulova e rebátemo. Sen acritude. É unha proposta.





Ningún comentario:

Publicar un comentario