26 de xaneiro de 2013

9000 leguas baixo o mar



Hoxe quero recomendarvos unha novela de aventuras pola que é fácil apostar, un clásico, "un Stairway to Heaven case", como dirían os Heredeiros: "20000 lieues de voyage sous les mers", de Jules Verne.

Non sei que nivel de destreza en francés sería o recomendábel para animarse con este libro en versión orixinal, pero eu estou enganchado. Iso si,  poucas son as páxinas nas que non descubro unha palabra nova. Aí xoga como un crack mediático o lector de ebooks: se para ler na túa lingua poderiamos ter a clásica discusión entre papel e libro electrónico, para ler nunha lingua que non dominas arrasa o “livre numérique”, como seica din en Francia.

Así como o “Voyage au centre de la Terre” me fascinou sobre todo pola xeoloxía que tiña escondida baixo o cráter islandés, as “20000 lieues” supoñen un libro máis demorado, máis aillado aínda da sociedade do momento. Só o capitán Nemo, o profesor Aronnax, Ned Land, e miles de plantas e animais acuáticos.

Con Verne estou entendendo o significado da expresión “ciencia-ficción”, porque as súas novelas están cheas das dúas palabras, e moitas veces ao escoitar “ciencia-ficción” so pensamos na segunda.

Cada noite, antes de durmir, unha boa viaxe baixo o manto mariño, de illa en illa e de océano en océano, é o mellor exercicio de relaxación que se pode imaxinar. Recoméndovolo.

Ah, o 9000 que puxen no título é porque aínda estou perto da metade do libro. Non hai présa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario